sábado, 30 de novembro de 2019

REGUEIFAS NO LAXEIRO

  O pasado luns, 25 de novembro, por xentileza do Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, os alumnos e alumnas de 6ºA de Ed Primaria recibiron a visita duns cantautores de regueifas: Pinto de Herbón e Luis Caruncho.

  O alumnado descoñecía a connotación do termo. A regueifa é un canto ou cantiga entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura a disputa sobre un tema determinado. Descubríronas de forma entretida e amena.
A continuación imaxes do momento. É moi interesante miralas!






Ensinaron aos nenos e nenas a compoñer coplas e, entre todos e todas,  elaboraron unha regueifa referente á conservación do planeta, tema que estamos a estudar neste curso no proxecto anual de centro.




martes, 19 de novembro de 2019

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO NO PATIO DO COLEXIO.



       O venres 15 , celebramos a festa do Magosto. A diferenza doutros anos organizamos a degustación de castañas asadas no patio, xa que, debido aos rigores do tempo, o monte está mollado. Foi unha mágoa, aínda e con esas, pasámolo moi ben. Dividimos o patio en zonas; en cada unha situamos un xogo tradicional: castañas no cesto, xogo do pano, labirinto da castaña, castañas na culler, castañas na fronte, xogo do limbo, a comba e o brilé.
       Antes de baixar ao patio, nas clases, elaboramos diversos traballos sobre a castaña: fichas motivadoras, carteis alusivos, castañeiras decoradas con follas, e, en plástica en inglés (Arts) elaboraron  uns bolsiños individuais para meter as castañas asadas con envases de reciclaxe.





Os  Ed. Infantil tamén disfrutaron no patio. Os días previos prepararon cancións e material para os xogos.


XOGO DO PANO:
Canción:
“Castaniña, castaniña, quen te poidera coller
Ben asada e ben pelada e lista para comer, para comer”



CANCIÓN DO MAGOSTO:
“A castaña no ourizo, quiso rir e rabeou,
Caeu do ourizo abaixo, vaia torta que levou,
Señora María, señor Manuel
Castañas asadas e viño con mel
E viño con mel, e viño con mel

Señora María, señor Manuel.



                                 
       

sábado, 16 de novembro de 2019

xoves, 14 de novembro de 2019

MAGOSTO 2019



MAÑÁ CELEBRAREMOS O MAGOSTO NO COLEXIO. ESTE CURSO, DEBIDO AO MAL TEMPO, NON PODEMOS SUBIR AO MONTE DE BEADE, POLO TANTO, ASAREMOS AS CASTAÑAS NO PATIO, FAREMOS XOGOS TRADICIONAIS E BAILAREMOS AO SON DA MÚSICA DA NOSA TERRA.

Nas clases elaboraron carteis anunciadores da festa como este.


luns, 11 de novembro de 2019

NOVEMBRO - "MES DA CIENCIA EN GALEGO"


Como cada ano, nestas datas, estamos a ofrecer ao alumnado unha serie de actividades relacionadas coa ciencia. Hoxe, en concreto, recibimos un obradoiro por xentileza do Departamento de Normalización Linguística do Concello de Vigo, titulado "A ecoloxía no medio natural", no que participaron os alumnos e alumnas de 2ºB.

"Os nenos e as nenas estiveron aprendendo un montón de cousas sobre a natureza e o habitat do noso planeta; e entenderon o importante que é protexer a vida do noso ecosistema porque todo está interrelacionado e temos que procurar manter ese equilibrio para asegurar a nosa propia existencia", segundo poido apreciar a súa mestra titora, Belén.


Ademais desta lección de ecoloxía,  os nenos e nenas observaron o ciclo de vida das bolboretas e outros insectos.


Apreciaron o habitat destes animaliños.


E incluso tiveron nas mans unha vacaloura!!


Non lle tiveron medo ningún!


Todos e todas amosaron moito interés por experimentar cos bichiños