Hoxe, venres 3 de decembro, é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. No Laxeiro traballouse o tema das discapacidades e a superación das mesmas. Con esta finalidade visionaronse curtas e documentais para ilustrar debates e traballos sobre a inclusión de todas as persoas na sociedade.
Colaborouse coa Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAM) e realizáronse traballos plásticos para dar visibilidade a esta data. Nas aulas, decoráronse paraugas con formas que imitan as obras de Laxeiro (O vindeiro ano será adicado a Laxeiro no Día da Arte de Galicia 2022). O paraugas simboliza a inclusión de todos e todas, independentemente das circunstancias. Para poñerse en situación, os alumnos e alumnas pintaron coa man distinta á dominante.
O resultado foi moi vistoso. Os paraugas colocáronse no vestíbulo e colgáronse na fachada do colexio para darlle visibilidade cara ao exterior.
O alumnado recibiu un saúdo virtual por parte do vigués, Martín de la Puente, xogador paraolímpico de tenis en cadeira de rodas, tricampión do mundo, junior. Explicou que o deporte ensinoulle a superar situacións complicadas. Toda unha lección de vida para todos e todas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario