Hoxe aproveitamos o bo tempo e a disponibilidade do castañeiro para celebrar o Magosto.
A castaña, protagonista principal dos Magostos, é un dos alimentos máis antigos da Humanidade. Xa na época do Paleolítico os primeiros humanos consumían castañas e landras. As castañas era o principal alimento durante todo o ano dos primeiros poboadores de Galicia ata chegar os romanos, comíanas de múltiples formas: asadas, fariña de castañas secas e os romanos coñecedores da súa importancia favoreceron a súa expansión por terras galegas. Ata o século XVI era o “pan” na sociedade europea, xa que en épocas de fame asegurou a supervivencia de moita xente, pero coa chegada da pataca e do millo de América, foi perdendo importancia. O castiñeiro, castanae sativa en latín, é unha especie autóctona de Galicia que vive en terreos profundos, ricos en materia orgánica e pouco arcillosos. Actualmente o número de castiñeiros en Galicia está a diminuír progresivamente debido ás enfermidades que sofren, a chancra e a tinta, así como á superpoblación de piñeiros e eucaliptos. Aínda así, Galicia é a principal comunidade autónoma produtora de castañas. Podemos gozar de grandes soutos de castiñeiros en terras de Samos, do río Sil (Ribeira Sacra) e nos montes do Courel, Ancares, Cebreira e Queixa.
E, como cada ano, ademais de saboreala, xogamos e facemos traballos plásticos para homenaxear a este produto tan galego.
No patio, por quendas, todo o alumnado foi pasando por diferentes estacións de xogo:
- Relevo de castañas: cada neno/a leva unha castaña nunha culler e lla pasa a outro/a.
- Lanzacastañas: desde unha distancia determinada, hai que meter a castaña nunha caixa.
- Arte de outono: cada curso encherá de debuxos alusivos unha castaña xigante debuxada no chan.
Nas clases degustáronse as saborosas castañas.
A continuación, elaboráronse representacións plásticas sobre a castaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario