martes, 6 de decembro de 2022

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, 3 DE DECEMBRO

"DISCAMIÑO" NO LAXEIRO


Discamiño é un proxecto que naceu para unir a Discapacidade co Camiño de Santiago, axudando á persoas con discapacidade a cumprir o sono de chegar a Santiago.

Un ano máis,  membros da asociación APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral), achegáronse ao colexio para compartir con alumnado de Primaria (cuarto, quinto e sexto)  a súa experiencia no Camiño e o seu día a día. Da man de Javier Pitillas, sarxento da Policía Local de Vigo e creador da ONG "Discamino" Gerardo, David, Ana e Javier deronnos unha enorme lección de vida. 

Gerardo, xordo- cego, explicou como é capaz de comunicarse coas súas mans. Foi perdendo totalmente a capacidade auditiva pero non as ganas de superarse a si mesmo percorrendo o Camiño de Santiago baixo a dirección de Pitillas.

David, con distrofia muscular e dano cerebral, aliméntase cunha sonda gástrica. Transmitiu aos nenos a súa alegría de vivir a pesar das súas dificultades; o seu lema é que nada é imposible. É pai de xemelgos.

Ana, oito veces campioa de España de slalom en cadeira de rodas, mostrou un vídeo onde se pode apreciar a súa pericia coa cadeira de rodas en estreitos circuitos cheos de obstáculos. Comunicouse a través do ordenador pero tamén se manexa en lingua de signos.

Javier, en cadeira de rodas dende pequeno, relatou o seu día a día e a súa participación como actor nalgunha película .

Escoitando a Javier, a Ana , a David e a Gerardo quedou claro que NADA É IMPOSIBLE. Foron agasallados cuns presentes por parte dos nenos e nenas para agradecerlles esta charla tan positiva.




Ningún comentario:

Publicar un comentario