O LAXEIRO COMO MENSAXEIRO
Un ano máis, alumnado de Primaria realizou unha viaxe á vila de Padrón para visitar a Matanza, lugar onde Rosalía pasou o últimos anos da súa vida.
Esta excursión tivo como novidade a visita ao Concello de Padrón invitados polo propio alcalde, Anxo Rei Arca, grazas á mediación da mestra de infantil Isabel García, padronesa de nacemento e viguesa de adopción. Ela interveu para que o alcalde de Vigo se implicara na visita e enviara unha misiva, a través dos nenos e nenas do Laxeiro, ao seu homólogo padronés afianzando ligazóns entre os dous concellos.
Foron recibidos e recibidas con moito agarimo pola concelleira de Educación e cultura e polo propio alcalde que lles ensinou o despacho da alcaldía e o salón de plenos. Foi neste espazo onde Rey Arca, moi amablemente, lles explicou aos nenos e as nenas o funcionamento da administración local e o xeito democrático de acceder ao goberno. O alumnado escoitouno con moita atención e entregoulle a carta do alcalde de Vigo, xunto cuns pequenos agasallos (libros e unha bandeira da cidade). Pola súa parte, o de Padrón, agradeceu a visita e correspondeu regalando uns libros que serán enviados ao Concello de Vigo.
Foi así como
o noso alumnado actuou de mediador entre as dúas autoridades como pasos previos a un hipotético irmandamento
entre as dúas localidades. Á fin e cabo, en Vigo veu a luz a primeira edición de Cantares gallegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario