ADIANTO DA CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2026
O pasado xoves, 12 de marzo, ás 12:00 horas, o alumnado de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro participou nun encontro moi especial con Beatriz Caamaño, irmá da xornalista e escritora Begoña Caamaño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas 2026.
Beatriz Caamaño achegouse ao centro para realizar unha entrevista para a radio escolar sobre a importancia da figura da súa irmá. Aproveitando esta visita, o alumnado do colexio —os ecolaxeiros e ecolaxeiras— quixo renderlle unha pequena homenaxe á escritora.
O encontro tivo lugar no ximnasio, onde todo o alumnado de Educación Primaria recibiu á convidada. Alí, Beatriz Caamaño compartiu lembranzas persoais e contou como era Begoña Caamaño, destacando non só o seu labor como xornalista e escritora, senón tamén o seu forte compromiso coa sociedade. Explicou que foi unha muller activista, feminista, ecoloxista e moi implicada na defensa da lingua e da cultura galega.
Durante o acto, un grupo de alumnado de 5º de Primaria dedicoulle unha canción en lembranza da autora. Como mostra de agradecemento pola visita e pola súa participación, tamén se lle fixo entrega dun agasallo floral.
Ademais, todo o alumnado recibiu un díptico sobre a vida e a obra de Begoña Caamaño, elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, co obxectivo de coñecer mellor a figura da autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas 2026.
A actividade resultou unha experiencia moi emotiva e enriquecedora para toda a comunidade educativa, que puido achegarse de primeira man á memoria e ao legado dunha figura tan relevante da cultura galega.









Ningún comentario:
Publicar un comentario