O alumnado de primeiro, segundo e terceiro de Ed. Primaria recibiron unha sorpresa o pasado xoves, 17 de novembro, da man do grupo teatral Migallas que se achegou ao centro para presentar no ximnasio o espectáculo Brincadeiras de Lingua; grazas á xentileza do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Os actores, María Campos e Carlos Yus, representaron unha divertida situación mediante xogos verbais e bromas, amenizados con música e cancións. Invitaron ao alumnado a participar do espectáculo con instrumentos de percusión natural como palmas, pitos e pernas.
A finalidade é dar a coñecer e fomentar a práctica de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia no ámbito familiar e da veciñanza para contribuir á transmisión interxeracional da lingua.
Grazas a iniciativas coma esta será posible que a tradición oral non se perda no tempo. Os rapaces e rapazas gozaron dunha xornada de ledicia e entusiasmo.
(Momento da actuación)
Ningún comentario:
Publicar un comentario